Destacado

Inicio

Maís pouco queda das vellas tradicións que non sexa a celebración da comida, o resto quedou no baúl das lembranzas…. O entroido foi sen dúbida, unha grande e comunitaria festa do pobo, que a debe do Courel ten intención de recuperar. Correntía de auga non a falar, nin cinsa nin tampouco palla, coa que alumar os camiños para acompañar o Meco coma antano fixeron os devanceiros. 

Xorde o entroido, como rio de emocións e sentimentos, coa intención de que volva formar parte do antigo ritual que ameaza con perderse. Polo que paga a pena tentar recuperalo

   Mercedes Vázquez Saavedra

Concellos Limítrofes

Josefa de Vicente e Julia de Ramos ( nada o 6 de Abril de 1924) , recordan con nostalxia como as Mázcaras recorrian Louzarela (Pedrafita do Cebreiro). Disfrazadas de roupa vella que tiñan pola casa. Levaban un xardón na man. Tamén levaban chocas das vacas, potas, tixolas… Ian polas portas e bailaban, saludaban, mollaban a un, tinguían con cinsa…

Coméntanos, que alí o entroido xa comezaba unha semana ou dúas antes e solíase andar pola tarde. Queimaban fachas de palla. Era común que a Louzarela viñesen mazcaras de Vilela e Noceda. E convidábanse a tomar algo

Recorda un señor chamado “Eixón de Lemos ” con “Helena” que era a súa filla.Tocaban o bombo e a gaita e él era cego.

As mulleres , vestían de homes . Tamén participaban os nenos no entroido. Caeu no esquecemento sobre o ano 76. Nestas datas era común comer cachucha, chourizos e buñuelos.

Tras ver fotos e videos da recuperación do Entroido no Courel, dinnos << Que pena , que aquí xa non hai>> .

Ogalla , Josefa e Julia, vexan de novo as Mazcaras recorrer o entroido por Louzarela…. Esta na man dos máis novos.

Vilamor

En Vilamor empezábase o Entroido o domingo corredoiro, ó saír da misa xa se embarraba a xente no rego que pasaba polo medio do pobo, despois tiñan a figura do Boi, ou touro, consistía na cabeza dun Boi Feita coa pel dunha ovella negra, e unha cornamenta de Madeira. Dúas persoas manexaban esa estrutura tapados cun roupón vello, perseguían a xente o domingo e o martes do Entroido, corneando a quen pillaba por diante. A outra figura principal era o cabalo cun home disfrazado con roupa vella como xinete, acompañaba o touro por todo o pobo, despois metíase toda a xente no patio dunha casa que se estraba de toxos e alí corrían todos para escapar do touro e do cabalo, os músicos do pobo participaban amenizando a xornada, algúns dos músicos caracterizábanse poñendo dentes de cebola ademais de roupa vella.

Noceda

Segundo José Jato Brañas, que conta con 93 anos , e vive nesta aldea. Os personaxes que recorrían Noceda, eran mulleres e homes da mesma aldea, disfrazados con trapos vellos e ían tinguindo á xente de casa en casa. Os participantes eran 4 reis, A Carantoña e o Lacueiro. Vestían roupa vella, a nova, era escasa e usaban a máis vella que atopaban. Solían levar unha “carantoña” de pel ou de cartón, para recorrer as casas. Nestas . dábaselles algo do que había (castañas, ovos, ou algo de diñeiro se o había que daquela escaseaba). Unha vez nas casas, tinguían á xente nova (coa xente maior non se metían). Solíase saír o Martes de Carnaval, na hora que cadrase. xeralmente a tarde-noite. Un ano , recorda o informante, estaban na casa de Alexos de Riba , saíron dous pola cheminea , que era alta. E para que non os tinguisen, saíron por “eili”. Contan que na maioría dos casos, non se coñecían ós que viñan no entroido. Cos cativos, pasábaselles a man pola cara para “dexovalos”. José, marchou no 1949 para o Brasil, e recorda, que daquela aínda se facía. Pero nas seguintes décadas, foi emigrando a xente e iso desapareceu. José tamén recorda que ían catro persoas , e cada dous cantaban un verso do Reis.

Millares

Por Millares pasaban A Carantoña e o Mochileiro.  A primeira deixábase sentir coa choca que levaba na traseira, pendurada do cinto. A carauta estaba feita con cartón e destacaba nela unha boca grande. Entraba nas casas acompañada dunha comitiva na que os homes levaban saias de muller e a cara tapada con roupa. O curioso destas máscaras era que algunha levaba un cepillo na man e facía que lles limpaba os zapatos aos da casa.  Non falaban, pero facíanse entender e se non lles daban nada a Carantoña zorregáballes co xardón, tal como nos contou María de Vilar, que aos seus 87 anos escacha a rir lembrando  anécdotas deste entroido. Tamén nos contou que o Mochileiro era o encargado de recoller nun cesto ou mego “pequenín” todo o que lles daban.

Semellante ao Cuaño de Pedrafita era “facer o Cesto”: xuntaban mollos de palla que ían apertando pouco a pouco para atalos finalmente cun viorto de salgueiro. Despois subíano pola parte de arriba da aldea para que o visen ben os de Chan de Pena e O Castro. Botábano ardendo ás voltas e uns cantos homes esperábano con forcadas para adetelo,  propósito que non sempre conseguían.

Tamén facían o Meco, que o queimaban o martes de entroido.

Os días reservados para a tinta eran o luns todo o día e o martes pola mañá. Cos fachois de palla ardendo e coas estopas corrían o entruido ata o martes pola tarde.

No entroido música non faltaba, tal como nos comentou Herminia Gancedo Fernández. O seu irmán Antonio, de 85 anos,  era tamborileiro. Facían baile nunha aira todos os domingos e cando chegaban os reis saían polas aldeas.

Con tanta festa era necesario alimentarse ben: cabezalla, botelos, castañas cocidas…o único que non se comía eses días, sobre todo o martes, era o caldo.

Pedrafita

Rosa Campo Locai cos seus 96 años lembra os anos mozos “correndo o carnaval para ter bon nabal”.
Ao igual ca noutras aldeas, reutilizaban roupas vellas para facer os vestidos. A cara tapábana con caretas feitas de cartóns pintados ou de anacos de peles para “cambiar”, como di Rosa . Destacaban nas caretas os bigotes e as cellas que facían coas serdas dos cochos ou do rabo das vacas e pelellos de ovella. Para faceren ruído nada mellor ca cacharros vellos: olas, potas, tixolas… Iso si, para preparar todo xuntábanse na casa dalgún veciño.
As “máscaras”, que é como en Pedrafita lle chamaban, entraban nas casas. Se os da casa querían bailar sacábanos, senón bailan entre elas. Iso si…as máscaras non dicían nada non fose ser que… Pero trastes eran un pouco porque cos caxatos que levaban levantábanlles o refaixo ás vellas.
Unha das máscaras levaba unha canella de xardo, xardón noutras aldeas, e un saco con cinsa. E pobriño do que quixese quitarlle a máscara a algún da comitiva porque de ramallazos e cinsa nunha farraca non o salvaba nin a Santa Bárbara, patroa do lugar.
O Felo era a máscara principal; cara tapada, choca na cintura pola parte de atrás e ramallo de xardo.
O lume tamén formaba parte da festa. Facían o “Lume arnal”. Con el prendía as estopas coas que “corrían o carnaval” uns detrás dos outros polos prados abaixo. No lume arnal tamén prendían as fachas coas que alumeaban Os Cuaños. O Cuaño eran os rastrollos de palla que quedaban na malla, por así dicilo: os desperdicios que non servían para facer mollos. Un dos Cuaños levábano pola noite á Pena dos Taros para tirárllelo prendido aos de Bustofrío. Sempre o tiraban no luscofusco do martes de entroido, ao anoitecer, para que o visen ben. Para facer o Cuaño cada veciño daba un e atábanos con viortos de xesta ou abraira. O día que se tiraba o Cuaño, martes de entroido, comían de seco e nunca, nunca se comía caldo. Isto de non comer caldo o martes de entroido tamén nolo contaron en máis sitios, como por exemplo en Millares. Iso si…chourizos, morcillas, cachola e botelo non faltaban o resto dos días. Viño…pouco, había que ir por el a Savane onda o Peral, que o traía do Val do Mao en dous machos.
O outro Cuaño botábano cara ao lado de Paderne.
As máscaras xa empezaban a saír polos reis. Alí por onde ían cantaban:

“Señora ama da casa
pola escada suba ao caínzo
báixenos unha barbada
e sete voltas de chourizos.
Non pedimos polo muito
nin tampouco polo pouco.
Báixenos un touciño
e pola mitade outro.”


Hai máis de vinte anos que non veñen as máscaras, di Rosa. Este ano toca!

Romeor

José de Novo naceu no 1933. Recorda que o “entroido” de Romeor duraba moitos días e nel concorrían unha serie de personaxes que veremos máis adiante.
En primeiro lugar, cómpre salientar os días máis sinalados: estaba o O Domingo Fariñeiro no que o protagonista da festa era o farelo e a cinsa. Despois estaba Luns da auga e seguidamente o Día da tinta, que se correspondía co martes de entroido.
Entre os que personaxes que José lembra están:
-A Carantoña, ataviada cunha choca ou campaíña, unha canella de xardón e cara cuberta con pel de coello. Botaba a correr detrás dos cativos.
-As Señoritas, vestidas integramente de branco.
-O Mochileiro, encargado de recoller o que lles daban nas casas.
-Os maragatos, nunca os viu pero escoitoulles falar deles aos máis vellos.
-O Cego e o Criado, este último metía o seu amo nos porracos e nos ribados. Lembra José un ano no que Miguel de Casmiro fixera de criado do cego e un señor alcumado O Penelo facía de cego.
Aquí tamén estilaban facer o Meco, un mollo moi grande de palla atado con viortos de xesta ou de abraira, vestido con roupa vella. Unha vez feito levábano ao Sítimo para botalo ás voltas. Prendíanlle lume e tres ou catro homes adetíñano con forcadas, cravábano e levábano ardendo ata a capela para que alí rematase de arder.
Relacionado co Meco e o lume estaban tamén os Fachois, que eran fachas ou fachóns de palla ardendo cos que mozos e mozas xogaban a queimarse. Ademais dos “fachois” tamén xogabahn con fachas de estopa ardendo.
Para que a festa fose completa non faltaba o acompañamento musical, composto de gaita, tambor e bombo.

Moreda

Segundo María de 75 anos, xuntábanse as mozas e mozos todos. Podían ir homes vestidos de mulleres e ó revés. Levaban unha canella de xardón para defenderse e bromear con el. Unha dos personaxes máis característicos era o “Mochileiro”, que recollía nunha cesta ou mega o que lles daban. Cando non lles daban nada , entre algúns entretíano e outros collíano.
Logo xuntábase a aldea toda a facer unha comida. Relátanos co seu puño e letra o seguinte:

Teño 75 anos, pero cando era moza, con moi poucas cousas que tiñas, pasábalo moi ben nos carnavales. Xuntabámonos moitos que levabamos “cencerros”(chocas), para facer moito alboroto .Unha ía de Mochileira, a que gardaba as cousas . Outra levaba unha “rama ” de xardón con moitos “pinejos”. Outro levaba un cepillo, para cepillar a roupa dos que dan a “prupina”. Unha muller levaba roca e liño para fiar co fuso. Outra levaba dedal e agulla para coser. Pasabámolo moi ben e o máis bonito era ó outro día que faciamos unha comida . Xuntabámonos todos, maiores, pequenos e medianos.

Vilela

Aquí recordan que se disfrazaban co que “sobraba” ou cos trapos máis vellos. Era común por a tela dun paraugas vello, na cara.

Era moi común levar o entroido a Noceda e os de Noceda a Vilela. Estes últimos recordan que un ano, cando aínda non tiñan a distribucción da auga ás casas en Vilela , pero en Noceda si. Os de Noceda levaronlles un Entroido, de palla e cunha carta que poñia algo así:” Xa que os de Vilela aínda tedes que ir ca ola á fonte, deixamosvos o fontanero a ver se vola pon “. O Entroido quedou diante da capela, e o día seguinte, os de Vilela devolverono a Noceda, enriba dun cabalo de madeira, rebestido de palla, coa mensaxe similar a :” Trouxestesnolo espido e descalzo, nós traémosvolo calzado e nun burro”

Parroquia de Meiraos

O ENTROIDO EN MEIRAOS

O sarrio das lareiras era moi apreciado no entroido.

O entroido fai referencia a unha época de “carne”, unha reviravolta do mundo, unha ruptura das convencións sociais e unha mudanza de roles.

Son días de desenfreo, de troula, de facer cousas que non se podían facer ó longo do ano.

Non se coñece a orixe do entroido, porén diversas teorías tentan de explicalo: para algúns é unha tradición celta que celebraba a despedida do inverno, outros aseguran que pode ter orixe na adoración a Baco ou Dionisos… Coa chegada do cristianismo, moitas festas pagás foron cristianizadas, e neste caso, a despedida do inverno pode que se mesturase coa chegada do periodo de abstinencia de comer carne durante a Coresma.

A parroquia de Meiraos é unha das nove que forman o Concello de Folgoso do Caurel e está formada polas aldeas de : Meiraos, Villasibil, Miraz, Paderne, Pedrafita e o Mazo (a aldea de Miraz consta de dous barrios).

Había numerosas diferenzas dunhas aldeas a outras, pero en case todas atopamos cousas en común, como que o domingo era o día da auga, o luns da tinguidura e o martes do lume. Tamén o costume de facer dous bonecos: o entroido e a entroida, con roupa vella rechea de palla, e logo queimalos o martes contra a noite como remate duns días que a miúdo acarrexaban pelexas e regueifas.

No entroido podía participar calquera e, por suposto, había que ir disfrazado con roupa vella, canto máis vella mellor, e berrando polos rueiros da aldea: “friu-friu”. Así asegurábase unha boa colleita de nabos.

O entroido principiaba o domingo, que era o día da auga, guindando baldes a calquera que se cruzase polas rúas ou nas portas, ou ben, con “cichois” (aparellos que semellaban xigantescas xiringas feitas con varillas de paraugas ou canillas de pólas de sabugueiro, logo de retirarlles a miola, empregando un émbolo de estopa).

O luns era o día da tinguidura, logo de refrega-las mans húmidas polo sarrio dos caldeiros, fornos ou calquera pote que estivese afumado para logo pasarllas pola cara a calquera ou pola roupa.

O martes quizais era o día de máis conflitos. Con fachos de palla acesos, estopas ou herba seca andaban uns tras dos outros pola aldea ou ían ás aldeas máis próximas, para logo queima-lo entroido nunha aira ou, como vinganza, levalo ao terreo doutra aldea rival para amolar á veciñanza. Os de Meiraos ás veces presentábanse en Villasibil con fachos de palla sendo recibidos a pedradas, e logo os de Villasibil viñan queima-lo entroido ao termo de Meiraos, xusto por baixo da igrexa parroquial, berrando : “Aí vos vai o entroido, os de Meiraos, ahora comeille os lacois…”, e iso era tomado como unha grande ofensa por parte da veciñanza de Meiraos. Nalgunha ocasión, os veciños de Miraz viñeron queima-lo entroido ao termo de Villasibil con resusultado semellante.

Tamén se achegaban pola parroquia grupos de mozos doutras aldeas que viñan a pedi-lo aguinaldo, algo semellante ao que facían polos Reis. Neste caso viñan ataviados con panos de cores e acompañandos do “Felo”, un personaxe con carantoña de pel e cunha vasoira de “xardo” (acivro) que atacaba a quen atopase polo camiño, cantando nas portas a seguinte copla:

Suba señor’ama, suba,

pola escada ó caínzo.

Tráianos unha cachola,

sete voltas de chourizos…

Os nenos de Villasibil achegábanse á casa-reitoral, que daquela estaba habitada, a carón da igrexa parroquial para cantarlle ó cura:

O cura de Lousada,

non ten camisa lavada.

Viva, viva o noso cura

con vintecinco na vara…

Na aldea de Villasibil, amáis das similitudes co entroido de Meiraos, cómpre salientar que corrían o entroido diante da capela e colocaban os dous bonecos feitos con palla e roupa vella, cunha “coza” (raíz de uz de forma redondeada) por cachola, pendurados dunha vara nunha aira. A figura feminina cunha bolsa na man, e a masculina con sombreiro. A rapazada traía feixes de “zarrelo” (gramínea Festuca indigesta, propia das penas e valados solleiros que arde moi ben e garda certa semellanza co liño) dende a Pena de Supena. Prendían unha grande fogueira diante da capela e os nenos loitaban contra as nenas guindándolles mañizas de zarrelo aceso. Tan só quedaba libre o que lle  atendía ó lume, que podía ser neno ou nena. Aquí xogaba un papel importante a figura do diaño representado por un home vello, espido da cintura para arriba e co corpo pintado con graxa e carbón a xeito de raias, que estaba asexando ós rapaces, que colocados en fileira, agarrados uns a outros, corrían por diante da capela. Entrementres, algún dos maiores que observaba a escena, berraba:

– Arre burrro, leve o demo ó último…

Daquela, o diaño saía para o colle-lo derradeiro da ringleira e facía que marchaba con el, mentres os vellos berraban, vítimas dun estraño histerismo, como se realmente creran que o diaño levase aquel neno/a.

O zarrelo das penas, imprescindible no entroido de Villasibil.

Na aldea de Miraz tamén repetían o ritual do lume mailo zarrelo e os bonecos.

Na aldea de Paderne empregaban o liño no canto do zarrelo, e ían a queima-lo entroido cara a Devesa.

Na aldea de Pedrafita viñan dende o Alto da Pedra ata a aldea coas caras pintadas de sarrio e guindando auga que recollían dun pozo comunitario.

Frecuente era cantar:

– Adiós martes d’entroido,

adiós meu queridiño.

Hasta o Domingo de Pascua

non comerei máis touciño…

Lamentablemente nada queda destas vellas tradicións que non sexa a comida propia daqueles días. O demais queda na lembranza duns poucos maiores que aínda gardan no disco duro da súa memoria aqueles costumes sen decatarense do tesouro que agochan: séculos de sabedoría, outra maneira de vivi-la festa e outra maneira de vida.

Design a site like this with WordPress.com
Primeiros pasos